A Garda Civil investiga dúas persoas de Negreira por maltrato animal
Axentes da Garda Civil de Noia investigan dous veciños de Negreira pola tenza de cinco cans en moi malas condicións hixiénico-sanitarias, falta de atención e manutención, así como por deixar morrer tres cachorros.
Foi un particular o que informou a Garda Civil de que nunha cadra había dúas crías de can mortas e outro máis agonizando e de que un can de raza labrador estaba noutro espazo moi reducido para o tamaño do animal.
Os axentes constataron que os cans estaban nuns pequenos cubículos cheos de excrementos, sen limpeza nin ventilación e non dispoñían de auga. A pouca comida que tiñan ao seu alcance estaba en estado de putrefacción.
Ante a gravidade dos feitos, e xunto coa Policía Local de Negreira e persoal do Concello, traladaron os cans a unha clínica veterinaria, onde elaboraron un informe en que se manifestaba as lamentables condicións en que estaban os animais.
Os cans tiñan como destino a súa venda e unha das persoas sospeitosas xa fora investigada por maltrato animal tras poñer á venda nun portal de Internet un can enfermo, por falsidade documental ao empregar fotografías de criadeiros autorizados e estafa por pola venda de cans mestizos indicando que eran de raza.