A Garda Civil inspeccionará o buque que intentaron afundir con 3.000 quilos de coca
Temos novidades relacionadas co buque que unha banda de narcotraficantes quixo afundir hai unhas semanas fronte á Mariña luguesa con tres toneladas de cocaína.
O barco foi remolcado cara a Xixón e está a piques de chegar ao porto asturiano. Alí vai ser inspeccionado por mergulladores da Garda Civil para ver se, como sospeitan, hai outros dous mil quilos de droga no seu interior. A tripulación do Nehir intentou afundir o barco cando se viu asediada por axentes da Armada, a Garda Civil, a Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira.
Querían que canda o buque se afundisen os 3.000 quilos de cocaína, pero os GEO conseguiron recuperar a carga antes de que perdese a flotabilidade. Para despexar dúbidas e comprobar que non hai máis droga no interior, o barco chega agora a porto despois de remolcalo máis de 100 millas.
Dadas as grandes dimensións do buque, os mergulladores empregarán varios días para inspeccionalo.