CRTVG

Buscar

A Garda Civil desprega tres unidades móbiles nos puntos máis concorridos do Camiño en Galicia

Publicado o 03/08/2021 14:24

O operativo da Garda Civil, Guardián del Camino, é xa habitual desde hai uns anos no Camiño de Santiago. Pero neste ano santo a súa presenza vai ser máis visible porque engade 5 unidades móbiles nos treitos máis concorridos da ruta: A Rioxa, León e, sobre todo, Galicia. Tres delas están asignadas á comunidade galega. A súa función é fundamentalmente informativa e preventiva, pero tamén prestarán apoio rápido no caso de que haxa algún problema.

O labor destas unidades estará reforzado ademais pola presenza de axentes doutros países. Carlos, Frederic e Paolo son membros das xendarmerías de Portugal, Francia e Italia Acaban de incorporarse ao servizo este mes de agosto e xa notaron a boa acollida dos peregrinos. "Recoñecen inmediatamente o uniforme e é unha razón de seguridade para eles tamén", di Paolo, un Carabinieri. "Están moi contentos de ver a autoridade do seu país presente no estranxeiro", remarca Fréderic, un axente da Xendarmería francesa. "Temos falado con peregrinos portugueses e séntense contentos por ver a Garda Nacional Republicana aquí en Galicia", confirma Carlos, membro da GNR.

Amais deste apoio presencial, os axentes divulgan a aplicación para móbiles que facilita a recepción de alertas xeolocalizadas en tempo real e a posibilidade de contactar co 062 por vía dixital en sete idiomas. Tíñamos que telo sabido antes, aínda que non nos pasou nada, pero nunca se sabe, así que está xenial, di unha peregrina á que lle acaban de mostrar o QR para descargala. Buon camino!!!!, di Paolo, o carabinieri. 

 

Noticias web

03/08/2021