CRTVG

Buscar

A Garda Civil busca unha arma relacionada co crime de Taboadela

Publicado o 29/07/2020 21:37

Miguel Martínez Campos asiste ao rexistro dun pendello seu no concello de Taboadela. A construción está pegada á casa onde vivían seus pais antes de seren asasinados a tiros en 2009. A Policía Xudicial busca aquí indicios que poidan probar a autoría do detido no tiroteo a un brigadista en 2008.

O que era daquela compañeiro seu de traballo volvía á casa en Xunqueira de Ambía cando se atopou cunha emboscada. Saíu do coche para retirar unhas pólas da estrada e recibiu catro disparos dunha persoa que estaba agochada detrás duns sacos. A vítima quedara ferida grave.

Doce anos despois, novas pescudas permitiron deter a Miguel Martínez por este intento de homicidio. El nega a súa implicación nos feitos.

Pero a Garda Civil busca a arma cun detector de metais nos terreos lindeiros á casa familiar. E poida que con esta busca consiga esclarecer tamén o crime do matrimonio de Tabodela. O seu fillo foi detido en dúas ocasións como sospeitoso deste dobre asasinato, pero por falta de probas quedou en liberdade.

Noticias web

29/07/2020