A Garda Civil busca un segundo desaparecido polas inundacións en Alacante
A Garda Civil busca un segundo desaparecido en Alacante que se cré puido ser tamén arrastrado pola auga.
A peor gota fría que se recorda no sueste peninsular en 140 anos estragou centos de vivendas, infraestruturas e unhas 300.000 hectáreas de cultivos.
Coa chegada do día, os mergulladores da Garda Civil volveron á busca do home holandés de 66 anos que arrastrou a auga en Dolores, un dos municipios alacantinos máis golpeados pola gota fría.
Milleiros de veciños seguen fóra das súas casas, onde, ademais dos estragos sufridos, tampouco teñen nin auga nin luz.
A Garda Civil informou esta mañá de que estaban buscando un segundo desaparecido tamén en Alacante. Trátase dun home que circulaba nun quad por unha das zonas inundadas.
A peor gota fría dos últimos 140 anos no sueste peninsular provocou ademais danos graves nas infraestruturas e danse por perdidos os cultivos dunhas 300.000 hectáreas.
Boa parte destas perdas rexistrouse na provincia de Almería, onde acudiu esta mañá o presidente andaluz, Juanma Moreno.
A boa nova das últimas horas é que o caudal do río Segura baixou e xa non hai risco de rebordamentos; pero segue habendo grandes embolsamentos de auga que fan imposible, polo de agora, ter unha idea aproximada da dimensión dos danos que deixou a gota fría.