Núñez Feijóo: "Os galegos poden contar comigo"
• Feijóo di que o seu "compromiso con Galicia está máis vixente ca nunca" e avanza medidas sociais para a fin da lexislatura
• O presidente da Xunta ponlle deberes ao Goberno central
• A oposición lamenta que Feijóo non teña nada que ofrecer
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abriu este mércores o debate de política xeral de Galicia cunha expresa manifestación do seu compromiso respecto á terra que goberna desde hai dez anos: "O meu compromiso con Galicia está máis vixente ca nunca", advertiu.
O xefe do Executivo arrincou, así mesmo, o que será o último debate do estado da autonomía da X lexislatura apelando a un dos seus eslogans electorais nos comicios autonómicos pasados, o de "En Galicia si".
Núñez Feijóo fixo, ademais, un breve repaso polos seus anos á fronte da Xunta para celebrar que a Galicia actual estea máis preto da Galicia que queren os galegos do que o estaba en 2009, cando el chegou a San Caetano.
Tras reivindicar a importancia da cita de política xeral que se celebra cada ano na cámara galega, o máximo mandatario autonómico asegurou que un debate similar, aínda que de investidura, volverá convocar todos os galegos "dentro de doce meses".
Todo iso nunha intervención en que, tras facer un breve repaso polos indicadores económicos, analizou a situación política no Estado para asegurar que empeza a haber "fastío" entre a cidadanía con catro eleccións en catro anos.
O presidente galego reivindicou a estabilidade existente en Galicia grazas á súa maioría absoluta, ante o que aproveitou para mandar unha mensaxe de tranquilidade: "Os galegos e galegas poden contar coa Xunta de Galicia e poden contar comigo. Non hai maior honra que servir a Galicia. Ningunha", proclamou.
O presidente da Xunta abriu este mércores o debate de política xeral de Galicia cunha expresa manifestación do seu compromiso con Galicia: "Está máis vixente ca nunca. Os galegos poden contar comigo" https://t.co/DWEFqKcJkA pic.twitter.com/Rdx4yYC5X4
— G24 (@G24Noticias) September 25, 2019