CRTVG

Buscar

Os Mestre Mateo premian os mellores traballos do audiovisual

Publicado o 03/03/2019 13:15

A gran noite do audiovisual galego puxo onte na Coruña a guinda á exitosa carreira de A sombra da lei, a película dirixida por Dani de la Torre, que levou dez premios Mestre Mateo. Foi unha cerimonia máis áxil do habitual que tamén escolleu a Rodrigo Vázquez como o mellor comunicador de televisión. 

A gala comenzou no espazo exterior para viaxar rápido no tempo ata os anos vinte e coroar A sombra da lei como a gañadora da noite. A cinta dirixida por Dani de la Torre fíxose con dez galardóns, entre eles os da mellor longametraxe, dirección, interpretación masculina protagonista, para un ausente Luís Tosar, música ou montaxe.

A súa competidora na noite, Trote, de Xacio Baño, recibiu cinco Mestre Mateo que premiaron o guión, a fotografía e as interpretacións de María Vázquez, Federico Pérez e Melania Cruz. O mellor comunicador de televisión é Rodrigo Vázquez, o presentador do concurso Ti verás das tardes da TVG. Dedicou o seu premio aos cativos que manteñen o galego vivo.

Ovación do auditorio para recibir a Mela Casal, premio de honra Fernando Rey. Unha extensa carreira en cine e televisión, tamén moi ligada á TVG, dende a lembrada Socorrito do Luar á alcaldesa de Mareas Vivas.

O sabor das margaridas rompeu a sorte de Serramoura ao gañar na categoría da mellor serie de televisión, e Buscadores de naufraxios destacou como o mellor programa. Na súa despedida como presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares quixo subliñar a importancia dos medios públicos de comunicación.

A gran gala do audiovisual galego destacou por ser áxil e rápida, pode ser que contaxiada pola nave extraterrestre que exerceu de anfitrioa.

Noticias web

03/03/2019