CRTVG

Buscar

A Fundación Amigos de Galicia desconfía de que o autor da morte do pequeno Marcos o fixese por unha crise psicótica

Publicado o 04/05/2021 13:43

Novidades no caso do neno de tres anos presuntamente asfixiado en Santiago polo seu tío en setembro pasado. Unha asociación benéfica preséntase como acusación particular, conseguiu incorporar novas probas e pon en dúbida que o acusado tivese, como se dixo, unha crise psicótica.

A xuíza aceptou as peticións do avogado da Fundación Amigos de Galicia. Unhas peticións feitas ao Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago de Compostela en que solicitaba, entre outras, a copia das gravacións das chamadas de auxilio efectuadas ao 112 e 061 o día dos feitos.

Francisco Lago, avogado da acusación popular di que "para nós pode aclarar cales foron as circunstancias do feito traumático que se acaba de producir nese momento".

Tamén solicitaron o informe dos forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia. Considérano esencial poder contar coas probas para saber se existe ou non unha patoloxía que explique por que Santiago Cepeda Quintela asfixiou presuntamente o seu sobriño. Aseguran que tras a avaliación inicial que realizou o forense que atendeu o detido concluíuse que non había motivos para pensar que fose inconsciente dos seus actos.

"En principio, non queda claro que este señor tivese unha crise psicótica para que non entendese o comportamento ilícito que estaba mantendo. Fálase dunha amnesia disiociativa do momento dos feitos", di o avogado.

Ata o de agora os pais do pequeno non quixeron emprender accións legais contra o acusado, irmán da nai do neno falecido. Coa comparecencia como acusación popular, a Fundación Amigos de Galicia afirma dar un paso máis na defensa dos menores, implicándose naquelas causas que atentan contra os dereitos da infancia en Galicia.