A frota galega nas Malvinas eleva as capturas da lura un 25%
Publicado o 02/05/2019 15:52
A frota galega nas Malvinas superou as 51.000 toneladas de captura de lura común na primeira campaña, o que supón un 25% máis ca a do ano pasado. Confírmase así a melloría dunha pesqueira que tocara fondo no 2015 en que nin chegou ás 30.000 toneladas en todo o ano.
A abundancia de capturas pode traer, iso si, unha flutuación nos prezos pola lei da oferta e da demanda pero polo de agora mantéñense estables respecto doutros anos. Esta primeira campaña que empezou a finais de febreiro, rematou oficialmente o sábado pasado, polo que nos próximos días os 16 buques galegos emprenderán o regreso ao porto de Vigo.