A fronteira con Portugal, A Barbanza e a Costa da Morte, zonas de alta incidencia
57 concellos galegos, á parte das cidades, pechan a partir do venres. Súmanse ao nivel máximo de restricións, que reduce tamén a actividade hostaleira. Queda limitada ás terrazas e cunha ocupación do 50 %.
"Eu penso que o problema non é a hostalería, pero sempre nos toca a nós. O problema son as festas privadas, que as seguen facendo, así que non sei se valerá de algo. Oxalá", di unha hostaleira.
En Allariz, por exemplo, o cambio vai ser substancial. Estaban no nivel básico, nunca subiran de aí, e pasan de golpe ás restricións máximas pola escalada das últimas semanas.
"A situación é a esperada, porque non temos responsabilidade, nin cerebro, nin nada...". "Antes do Nadal tiñamos 0 e agora temos 59!".
Pasaron de 4 casos activos que había na Noiteboa a sesenta, tres semanas despois. A incidencia é de mil casos por cada cen mil habitantes. Así as cousas, o comité clínico optou por restrinxir ao máximo a actividade neste concello que, como diciades, ata agora non fora sometido a ningunha restrición especial. Preocupan sobre todo os casos asintomáticos, sen diagnosticar, así que esta tarde haberá un cribado masivo no pavillón municipal. Citaron 1.500 persoas maiores de 18 anos.
A maior parte dos concellos en nivel máximo de restricións concéntranse nas provincias da Coruña e Pontevedra: a contorna das grandes cidades, a fronteira con Portugal, A Barbanza e a Costa da Morte.
"Eu hoxe teño que facer a proba, a ver. Non creo que dea positivo, porque ando ben, pero... hai que ir".
Coa mobilidade e a ocupación restrinxidas, agardan conter a epidemia.