CRTVG

Buscar

A Fronte Polisario acusa a Marrocos de declarar a guerra e pídelle á ONU que actúe

Publicado o 17/11/2020 17:15

O secretario xeral da Fronte Polisario e presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Brahim Ghali, insistiu hoxe en que Marrocos "declarou a guerra ao violar os acordos militares" entrando no paso fronteirizo de Guerguerat, unha zona desmilitarizada que separa Mauritania das zonas ocupadas do Sahara Occidental. E instou a comunidade internacional "a actuar" para que a posición da ONU "deixe de fluctuar" e poder evitar así "unha escalada da guerra", nas súas primeiras declaracións á prensa desde que o venres se produciu un incidente armado na fronteira mauritana que desatou a tensión bélica na rexión.

Desde entón, os saharauís aseguran que lanzaron catro ataques contra posicións militares marroquís no muro de separación no deserto e causaron "baixas mortais ao inimigo", unha afirmación que nega Rabat, que tamén minimiza os bombardeos. "Os saharauís non querían un derramamiento de sangue, pero Marrocos obrigounos".

"O réxime marroquí é arrogante e debe pagar o prezo, porque a guerra foi declarada pola ocupación marroquí violando os acordos de paz", afirmou Ghali en declaracións difundidas pola axencia oficial de noticias saharauí SPA.

O responsable, que foi ministro de Defensa entre 1976 e 1989, anos durante os que se desenvolveu a guerra tanto con Mauritania como con Marrocos, subliñou, así mesmo, que "a resistencia armada do pobo saharauí é o único idioma que entende o colonialismo marroquí", e que, por iso, "o pobo saharauí está en guerra e continuará a súa loita ata o día da vitoria".

Marrocos non recoñece a autodeterminación

Ghali, que encomiou a postura de Alxeria no conflito saharauí, instou a comunidade internacional "a actuar para que a posición da ONU abandone a tendencia actual", que a súa opinión comezou a fluctuar en favor de Marrocos, que se nega a aceptar os termos do acordo de paz asinados coa Fronte Polisario en 1991.

Segundo aquel pacto, auspiciado pola ONU, ambos os contendentes aceptaban a celebración dun referendo de autodeterminación que sería organizado e supervisado pola misión das Nacións Unidas para o Sáhara Occidental. En 2019, Rabat anunciou que non estaba disposto a conceder a autodeterminación e que como moito se abría a negociar un acordo de autonomía. 

Ghali respondía así ao rei de Marrocos, Mohamed VI, quen o luns na súa primeira reacción ao conflito volveu deixar entrever que considera a anexión do Sahara Occidental como un feito consumado.

Nunha conversación telefónica co secretario xeral da ONU, Antonio Gutierres, o monarca aseverou que segue "comprometido co cesamento do fogo" no Sahara Occidental, que a Fronte Polisario deu por roto o pasado sábado, e advertiu de que "reaccionará coa maior severidade a toda ameaza contra a súa seguridade e a quietude dos seus cidadáns.

En ningún momento Mohamed VI pronunciou a palabra "guerra" (que Marrocos non recoñeceu ata o momento), pero insistiu en que o proceso político deberá "implicar as verdadeiras partes neste conflito rexional (en alusión a Alxeria) e permitir unha solución realista e realizable no marco da soberanía do Reino", é dicir, con exclusión da autodeterminación. 

 

Noticias web

17/11/2020