CRTVG

Buscar

A fotoxornalista compostelana Marta Moreiras documenta a acelerada transformación que vive o Senegal

Publicado o 03/12/2019 17:32

Unha das zonas do planeta onde máis está impactando xa o cambio climático e a África subsahariana. O drástico avance do deserto está acabando co hábitat natural das tribos nómades do Sahel. A fotoxornalista compostelá Marta Moreiras, que vive en Dakar desde 2015, está documentando esta 'emerxencia climática', e tamén as grandes transformacións sociais que se están vivindo no Senegal.  

No proxecto fotovideográfico 'Á sombra das acacias' conta como os pobos gandeiros do Sahel teñen que abandonar os ciclos tradicionais de transhumancia e cambiar o seu modo de vida porque en moitos dos lugares aos que ían co seu gando xa non hai auga nen pastos. 

Outro dos obxectivos de Marta Moreiras é reflexar a dinámica vida urbana de Dakar e o gran cambio que protagonizan sobre todo as xeracións máis novas. Con 'Pères' evidencia o cambio de rol dos pais do seu tempo e cuestiona un clixé de xénero. Di que en Dakar os pais levan os fillos pequenos á escola ou se ocupan deles na casa porque a nai tamén traballa, pero é moi, moi raro velos co bebé ao lombo. Retounos a facelo na rúa, de igual maneira que fan as nais - unha das imaxes máis icónicas da muller africana -, e expuxo o resultado na Bienal de Arte Contemporáneo de Dakar. A proposta foi finalista tamén nos Sony World Photo Awards, un dos certames de fotografía máis prestixiosos do mundo, pero Marta celebra especialmente a boa acollida que tivo na comunidade local entre públicos de todas as idades e xéneros. 

 

Noticias web

03/12/2019