CRTVG

Buscar

A Fiscalía ve un "interese persoal" de Cospedal na espionaxe a Bárcenas

Publicado o 07/09/2020 19:33

• Villarejo: "Encargáronme destruír os ordenadores"


 

A Fiscalía ve un "interese persoal" de Cospedal na espionaxe a Bárcenas

A Fiscalía Anticorrupción vincula a exsecretaria xeral do PP Dolores de Cospedal e o seu marido, o empresario Ignacio López del Hierro, coa operación Kitchen (o operativo parapolicial que se creou para subtraer documentos ao extesoureiro do partido Luís Bárcenas) pola "documentación comprometedora" que este tería sobre ela.

Así se sinala no informe de 56 páxinas que o Ministerio Público lle presentou ao xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón, que investiga a peza Kitchen dentro do macrosumario por actividades irregulares do comisario xubilado en prisión José Manuel Villarejo.

A súa vinculación ao caso deriva, segundo os fiscais, do interese persoal que Cospedal tería na operación por dúas razóns: directa como afectada por documentación supostamente comprometedora para ela mesma e indirecta como secretaria xeral do partido.

O seu marido, López del Hierro, aparece na investigación como a persoa que pon en contacto a Andrés Gómez Gordo, responsable da seguridade da súa esposa, con Villarejo, para que este manipule o chofer de Bárcenas.

Así se reflicte en varias conversas que mantivo Villarejo co seu socio Adrián de la Joya e o comisario Jose Luís Olivera, incorporadas ao oficio policial inicial. Delas derívase, ademais, que dentro destes "encargos puntuais" que lle realizaría o PP a Villarejo estaría, identificado polo propio comisario, a "suposta destrución de computadores do Partido Popular", en alusión aos dispositivos de Bárcenas danados que deron lugar a unha causa xudicial.

Villarejo: "Encargáronme destruír os ordenadores"

O excomisario José Villarejo manifestou nunha conversa en febreiro de 2017 que dirixentes do PP lle encargaran destruír os computadores do extesoureiro Luís Bárcenas e que os tiña "a todos inmortalizados".

É unha conversa mantida o 17 de febreiro de 2017 con Adrián de la Joya e un terceiro, que a Fiscalía Anticorrupción inclúe no escrito remitido ao xuíz para pedir a imputación do exministro do Interior Jorge Fernández Díaz e a exsecretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal no caso Kitchen.

A Fiscalía apunta que, de acordo coa Unidade de Asuntos Internos da Policía, Villarejo podería actuar "por conta directa do PP", colaborando con este "a petición de altos responsables do mesmo" con relación a investigacións policiais ou xudiciais.