A Fiscalía rexeita investigar a Ábalos polo seu encontro con Delcy Rodríguez

A Fiscalía pediulle ao Tribunal Supremo que non admita a trámite as querelas contra o ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, polo seu encontro coa vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, no aeroporto Adolfo Suárez Madrid o pasado 20 de xaneiro.
O Ministerio Público informa nun comunicado que xa remitiu á Sala Segunda do Alto Tribunal o informe enque se opón ás querelas dos partidos Laócrata e Vox contra Ábalos, a quen lle atribúe un presunto delito de prevaricación polo encontro que mantivo con Delcy Rodríguez, quen ten prohibida, pola Unión Europea, a entrada e tránsito en zona Schengen.
Ambos os partidos aseguran que Ábalos autorizou a vicepresidenta de Venezuela para que "atravesase o espazo aéreo español e aterrase no aeroporto Adolfo Suárez Madrid", a pesar de que "tiña prohibida a súa estancia e tránsito polo espazo europeo". Pero o Ministerio Público sinala que as querelas están "baseadas exclusivamente en artigos de prensa (especialmente Vozpópuli, edición dixital) e na "declaración notarial" dun traballador que nin sequera especifica o seu posto de traballo, todo iso sen concretar minimamente a participación do querelado nos feitos imputados".