CRTVG

Buscar

A Fiscalía pídelle ao xuíz que investiga a presunta caixa B do PP que cite a Bárcenas

Publicado o 05/02/2021 18:48
A Fiscalía pídelle ao xuíz que investiga a presunta caixa B do PP que cite a Bárcenas

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz citará nas próximas datas o extesoureiro do PP Luis Bárcenas para que ratifique e amplíe as manifestacións que realizou nun escrito remitido esta semana á Fiscalía Anticorrupción afirmando, entre outros extremos, que o expresidente do Goberno Mariano Rajoy destruíu os papeis en que se anotaron todos os movementos desa caixa B do partido sen saber que el conservaba unha copia.

Farao a petición do fiscal Anticorrupción Antonio Romeral, que o pasado xoves informou o titular do Xulgado Central de Instrución número 5 do escrito datado o 26 de xaneiro de 2021 asinado por Bárcenas -que cumpre prisión tras ser condenado pola primeira etapa da trama 'Gürtel-, "en que a modo de declaración fai diversas manifestacións sobre feitos que son obxecto de investigación nesta peza separada", segundo sinala o documento do Ministerio Público.

Romeral adxunta copia do escrito "para coñecemento do Xulgado e incorporación á causa" e engade que debe dispoñerse "o necesario para a ratificación do escrito por Luis Bárcenas e ampliación dos feitos que se narran" no citado documento. Deste xeito, Anticorrupción pretende que o xuíz Santiago Pedraz, que hai tan só unhas semanas obtivo o traslado ao Central 5, interrogue a Bárcenas en relación cos feitos derivados dos denominados papeis de Bárcenas que se instrúen neste órgano desde hai anos.

A "confesión" do extesoureiro produciuse apenas cinco días antes do inicio do xuízo por unha peza separada da devandita causa, relativa ás obras na sede do PP en Madrid, que poderían ser pagadas con diñeiro da citada caixa B.

Ao longo de 8 páxinas de escrito, Bárcenas explica que nos papeis presuntamente destruídos por Rajoy e anotaban as doazóns que, principalmente, facían empresarios, directamente a quen foi tesoureiro do PP, o falecido Álvaro Lapuerta, na mesma sede do partido ou "en ocasións en restaurantes", a cambio de "importantes adxudicacións de obras e servizos públicos".

Engade que desta caixa saíron "complementos salariais", que recibiron o expresidente Mariano Rajoy; os exministros María Dolores de Cospedal, Javier Arenas, Francisco Álvarez Cascos, Ángel Acebes (exsecretarios xerais do partido), Federico Trillo, Rodrigo Rato; o expresidente do Senado Pío García Escudero e o exdeputado Jaime Ignacio del Burgo. Todos eles están citados a declarar no xuízo pola presunta caixa b que comeza o vindeiro luns.

Así mesmo, advirte de que existe unha gravación en que Lapuerta comentaba "sobre as entregas en metálico que se realizaban mensualmente a estes membros do Partido Popular, en que se mencionaba entre outros, expresamente, a Mariano Rajoy". Tamén asegura que a caixa b do partido acumulaba en 2008 "algo máis" dun millón de euros, dos cales uns 900.000 euros foron destinados á remodelación da sede nacional da formación política.

 

 

Noticias web

05/02/2021