CRTVG

Buscar

A fiscalía peruana pide prisión preventiva para Keiko Fujimori en plena batalla electoral

Publicado o 10/06/2021 17:49
A fiscalía peruana pide prisión preventiva para Keiko Fujimori en plena batalla electoral

O fiscal José Domingo Pérez, membro do equipo especial do caso Lava Jato, solicitou este xoves revogar a orde de comparecencia con restricións que se ditou contra a candidata á presidencia peruana Keiko Fujimori. No seu lugar, reclama para ela prisión preventiva por incumprir resolucións xudiciais.

No documento enviado ao xuíz Víctor Zúñiga Urday, o fiscal sostén que a líder do partido Forza Popular incumpriu as regras xurídicas impostas mentres se investiga a súa suposta implicación nun delito de lavado de cartos en campaña electoral. Refírese, concretamente, a manter comunicación con testemuñas vinculadas ao caso.

"Determinouse novamente que a acusada Fujimori Higuchi incumpre coa restrición de non comunicarse coas testemuñas; pois, advertiuse como feito público e notorio que se comunica coa testemuña Miguel Torres Morales", sostén o texto.

En concreto, Domingo Pérez cita a conferencia celebrada a véspera, en que se presentou o avogado Torres como voceiro político da persoa xurídica de Forza Popular.

Ambos os dous estiveron xuntos na mesma mesa durante a conferencia de prensa en que o partido da candidata lles pediu ás autoridades electorais anular 802 actas de votación, que representan uns 200.000 votos. Consideran que se produciron irregularidades e "fraude en mesa" nos comicios presidenciais celebrados o pasado domingo.

Fujimori afronta unha petición da fiscalía de máis de 30 anos de cárcere por suposto lavado de cartos no financiamento das súas anteriores campañas electorais (as de 2011 e 2016), un xuízo que eludiría se chegase á Presidencia do país.

Noticias web

10/06/2021