CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide pena de morte para cinco dos acusados polo crime de Khashoggi

Publicado o 03/01/2019 21:34

A Fiscalía pide pena de morte para cinco dos acusados en Arabia Saudita polo crime do xornalista Jamal Khashoggi. Hoxe foi a primeira sesión do xuízo. O crime continúa rodeado dunha chea de incógnitas.

A Fiscalía saudita pediu a pena de morte contra cinco dos acusados polo asasinato do xornalista disidente Jamal Khashoggi durante a primeira sesión do xuízo.

Ata o momento descoñécese a identidade destas cinco persoas, pero si se sabe que todas forman parte do grupo que voou a Istambul para supostamente asasinar o xornalista o pasado 2 de outubro no consulado de Arabia Saudita na capital turca.

Tras case tres semanas de presión internacional, o Goberno saudita admitiu o homicidio pero non aclarou que pasou co cadáver. Segundo Turquía, foi despezado e disolto cunha substancia química, feito que negan desde Riad.

A implicación de dúas persoas do entorno do príncipe herdeiro saudita, deixara en entredito a versión oficial de Riad de que a coroa non estaba ao tanto desta operación.

O fiscal saudita solicitou formalmente ao Goberno turco as probas arredor do asasinato pero sen obter resposta ata o momento. Tampouco Turquía conseguiu un dos seus obxectivos, a extradición de todos os acusados do crime.


 

Noticias web

03/01/2019