CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide dous anos de cárcere contra Sarkozy por corrupción

Publicado o 08/12/2020 19:25
A Fiscalía pide dous anos de cárcere contra Sarkozy por corrupción

A Fiscalía francesa pediu este martes unha pena de 2 anos de cárcere firme e outros 2 exentos de cumprimento contra o expresidente francés Nicolas Sarkozy por corrupción e tráfico de influencias.

O fiscal Jean-Luc Blachon considerou probados ambos os delitos, sacados á luz polas conversas telefónicas intervidas pola policía entre Sarkozy e o seu avogado Thierry Herzog, para quen pediu unha pena similar. Tamén solicitou dous anos firmes e dous exentos de cumprimento para o exmaxistrado do Supremo Gilbert Azibert, acusado de deixarse corromper a cambio dun ascenso na súa carreira.

Blachon mostrouse implacable na súa alegación final, no que concluíu que os tres acusados fixeron "un pacto de corrupción" en febreiro de 2014, mediante o cal Azibert axudaba ao conservador Sarkozy a obter información na investigación do caso Bettencourt a cambio dun impulso para que el obtivese un posto no Consello de Estado de Mónaco.No medio de ambos, Herzog, amigo dos dous, foi descrito polo fiscal como "o xenio" que o fixo posible.

Pero as palabras máis duras foron para Sarkozy, a quen o fiscal acusou de "manchar o posto de presidente", que ocupou entre 2007 e 2012, cuns feitos en que considerou que o poder lle permitía todo. "Posto que estes feitos foron cometidos por homes cuxo compromiso profesional e político era dun alto nivel, danaron considerablemente o tecido institucional que constitúe o Estado de dereito", asegurou.

 

Noticias web

08/12/2020