CRTVG

Buscar

A Fiscalía investigará se a mesa do Parlamento catalán cometeu algún delito

Publicado o 12/11/2019 19:39
A Fiscalía investigará se a mesa do Parlamento catalán cometeu algún delito

A Fiscalía Xeral do Estado ordenou á Fiscalía de Cataluña que investigue "a posible transcendencia penal" das decisións adoptadas pola Mesa do Parlament de Cataluña durante as últimas semanas a pesar das continuas advertencias do Tribunal Constitucional.

A Fiscalía informou desta decisión despois de que o Parlament aprobase unha moción a favor de exercer a autodeterminación nun pleno adiantado polo presidente da Cámara, Roger Torrent, de modo que se celebrou mentres o Constitucional aprobaba unha resolución para anular a tramitación desa iniciativa.

O texto da CUP, que insta a "exercer de forma concreta o dereito de autodeterminación", foi apoiado polos partidos independentistas, e contou coa abstención dos comúns. Ciudadanos, PSC e Partido Popular non participaron na votación, que estaba prevista para esta tarde.

O presidente do Parlament acelerou a súa tramitación para adiantarse á decisión do Constitucional, que case á mesma hora enviaba un correo en que suspendía ese trámite, e advertía por cuarta vez a Roger Torrent.