CRTVG

Buscar

A Fiscalía gala investiga se Inditex se beneficia de traballos forzados dunha minoría chinesa

Publicado o 01/07/2021 17:38
A Fiscalía gala investiga se Inditex se beneficia de traballos forzados dunha minoría chinesa

A Fiscalía Nacional Antiterrorista de Francia abriu unha investigación contra varias empresas téxtiles internacionais, entre elas a galega Inditex, acusadas de beneficiarse do traballo forzado da minoría uigur na China.

"Abriuse unha investigación tras a presentación dunha querela por beneficiarse de crimes contra a humanidade", sinalou unha fonte xudicial francesa.

Un grupo de oenegués presentou en abril pasado unha denuncia ante a xustiza gala contra Inditex, Uniqlo, Sketchers e SMCP, entre outras grandes firmas, ás que acusan de beneficiarse do traballo forzado ao que, segundo grupos de dereitos humanos, someten a minoría uigur na rexión chinesa de Xinjiang (ao noroeste do país).

Esa zona produce aproximadamente o 20 % do algodón mundial e, segundo as denunciantes, os labores no cultivo e recolección realízanse grazas, en parte, á explotación da poboación uigur (unha etnia centroasiática de relixión musulmá), sometida a traballos forzados por parte das autoridades chinesas. 

A apertura da investigación "é unha gran satisfacción, tiñamos moita esperanza de que se abrise", sinalou Nayla Ajaltouni, portavoz de Étique sur l'étiquette (Ética na etiqueta), un dos colectivos demandantes.

"Para nós, é unha primeira etapa para que se cuestione por fin a responsabilidade desas firmas e o seu rol como beneficiarias impunes dunha situación de crimes contra a humanidade", engadiu.

Ajaltouni lembrou que as institucións da Unión Europea están a negociar unha directiva sobre o deber de vixilancia e a responsabilidade xurídica das compañías transnacionais. "Correspóndelle tamén á xustiza poñer fin a esta impunidade que dura xa demasiado tempo", recalcou.

Noticias web

01/07/2021