A Fiscalía francesa asume a investigación da estudante española desaparecida en París
Unha brigada especial da Policía Xudicial de París asumiu a investigación polo que cualifican de "desaparición inquietante".
A Garda Civil tamén colabora no esclarecemento do caso de Natalia Sánchez Uribe, que desapareceu o mércores pasado cando realizaba unha mudanza. Tras deixar dúas maletas no seu novo piso regresou ao anterior polo resto da súa equipaxe. Nada máis se volveu saber dela.
A única pegada que deixou foi a súa mochila co ordenador e o teléfono móbil, que apareceron nun parque.
A moza mallorquina de 22 anos estudaba Economía na Universidade Autónoma de Barcelona e desde setembro realizaba un Erasmus en París que xa estaba a piques de finalizar.
Os seus pais pedíronlles aos medios desde a capital francesa que non se converta o seu caso nun circo.