CRTVG

Buscar

A Fiscalía defende a legalidade das escoitas e a investigación da operación Zamburiña

Publicado o 20/01/2021 16:37

Quenda para a fiscalía no xuízo da operación Zamburiña ao que se enfrontan catro axentes da Policía Nacional acusados de colaborar con 9 presuntos narcotraficantes, que tamén sentan no banco dos acusados. O Ministerio Público defende a investigación de asuntos internos e as escoitas autorizadas polo xulgado.  

"A intervención de Asuntos Internos está xustificada. Non reciben sen máis o anónimo e llo mandan ao xuíz instrutor, senón que din 'imos ver se a nota é verdade'", asegurou a fiscala, Pilar Manso.

Sostén que había prácticas corruptas na comisaría de Policía e que as escoitas confirmaron a existencia de delitos: "Onde se fai alusión á desaparición de armas, delitos contra a saúde pública, consultas en bases de datos non xustificadas, colaboración con confidentes... E non só levan a cabo actividades de investigación senón tamén os indicios obtidos nesas investigacións".

As defensas agardan a anulación do xuízo ou das escoitas e rexistros practicados.

"En canto á suspensión do xuízo por vulneración de dereitos fundamentais ou, subsidiariamente, decretar nulidades, entre elas a expulsión das escoitas telefónicas da causa", di Beatriz Seijo, avogada do ex-xefe do grupo de estupefacientes.

"O conseguido coas intervencións telefónicas, o ocupado nos rexistros e incluso coas declaracións dalgún dos acusados, inculpatoria ante o xulgado de instrución. Eu espero que sexa favorable porque o procedemento está cheo de irregularidades", asegura Jorge Temes, avogado de Josefa Pérez.

Desde o Sindicato Unificado da Policía din que son optimistas coa resolución.

"Nós pensamos que vai ben, somos optimistas e cada día está máis preto demostrar a inocencia dos nosos compañeiros", asegura Roberto González, secretario xeral do Sindicato Unificado da Policía en Galicia.

O tribunal terá que pronunciarse agora sobre a nulidade solicitada polas defensas. A Fiscalía mantén as penas para os acusados que suman ata 100 anos de cadea.

Noticias web

20/01/2021