CRTVG

Buscar

A Fiscalía de Ourense abre dilixencias contra Adif polos vagóns tirados ao Sil

Publicado o 07/08/2020 13:39
A Fiscalía de Ourense abre dilixencias contra Adif polos vagóns tirados ao Sil

A Fiscalía de Ourense abriu dilixencias de investigación penal polo caso dos vagóns dun tren sinistrado que foron parar ao leito do Sil co obxecto de verificar se este suceso ten alcance delituoso, segundo informaron a Efe fontes do Ministerio Público.

Se así se determinase, procederíase á oportuna denuncia perante o xulgado de garda e, en caso contrario, o caso quedaría arquivado, segundo indicou a mesma fonte. A asociación ecoloxista Adega anunciou esta semana que notificaría o acontecido ao Ministerio Fiscal.

A Xunta, á súa vez, anunciou o inicio dun expediente sancionador contra Adif, ente público dependente do Ministerio de Transportes, pola súa suposta responsabilidade no destino de dous vagóns do tren que descarrilou o 28 de xullo en Sobradelo (Ourense), que acabaron na marxe dereita do río Sil. O Goberno galego propuxo unha multa ampliable de 35.000 euros.

Os feitos, entende o Goberno galego, poderían ser constitutivos dunha infracción tipificada como grave na Lei de residuos. Adif, á súa vez, mantén aberta unha investigación para coñecer todos os detalles do sucedido nas manobras de encarrilamento de once vagóns do tren operado por Renfe Mercancías que sufriu ese accidente que causou importantes danos na liña León-A Coruña.