CRTVG

Buscar

A empresa de Trump, acusada dunha suposta trama de evasión fiscal

Publicado o 01/07/2021 21:55
A empresa de Trump, acusada dunha suposta trama de evasión fiscal
EFE

O expresidente estadounidense Donald Trump cualificou este xoves de "caza de bruxas" as denuncias dos fiscais contra a Organización Trump e o seu director financeiro, Allen Weisselberg. "A caza de bruxas política dos demócratas de esquerda radical, con Nova York agora asumindo a tarefa, continúa. Está a dividir o noso país como nunca antes!", escribiu Trump nun breve comunicado.

Hoxe, a Organización Trump e o seu director financeiro declaráronse non culpables ante a acusación presentada na súa contra por fiscais neoiorquinos por supostos delitos fiscais, que inclúen furto maior, fraude, conspiración e falsificación de documentos como parte dunha suposta trama de máis de 15 anos para evadir impostos. 

As declaracións do empresario van en sintonía coas realizadas pouco antes pola súa empresa, que denunciou nun comunicado que Weisselberg está a ser usado polos fiscais como un "peón" nun intento "por danar o expresidente". "O fiscal do distrito está a presentar unha acusación criminal sobre compensacións de empregados que nin o IRS (a autoridade fiscal estadounidense) nin outros fiscais pensarían nunca en presentar. Isto non é xustiza, isto é política", sinalou a compañía.

Trump sempre defendeu a súa inocencia e referiuse repetidamente ás investigacións abertas contra a súa organización polo fiscal do distrito neoiorquino de Manhattan, Cyrus Vance, como unha caza de bruxas política. O pasado febreiro, Vance conseguiu unha gran vitoria, tras unha longa batalla nos tribunais, ao facerse con oito anos de declaracións de impostos e outros documentos do historial fiscal do expresidente.

A disputa polos documentos acabou no Tribunal Supremo, que terminou por rexeitar os argumentos de Trump para que eses documentos se mantivesen confidenciais. Segundo documentos feitos públicos hoxe, a compañía operou entre 2005 e mediados de 2021 un sistema co que pagaba a Weisselberg e outros executivos "por baixo da mesa", dándolles unha parte importante das súas compensacións de forma que se puidese limitar o pago de impostos, tanto por parte dos individuos como da empresa.

Entre outras cousas, os fiscais denuncian que Weisselberg -que hoxe chegou esposado e custodiado por axentes á vista na que se deron a coñecer os cargos- evadiu impostos nuns ingresos duns 1,7 millóns de dólares como parte dunha trama organizada por altos cargos da Organización Trump. Tras a vista, Weisselberg quedou en liberdade, aínda que se lle ordenou entregar o seu pasaporte para evitar unha fuga ao estranxeiro. 

Noticias web

01/07/2021