CRTVG

Buscar

A Fiscalía abre dilixencias pola situación na residencia de Salvaterra

Publicado o 16/11/2020 16:34
A Fiscalía abre dilixencias pola situación na residencia de Salvaterra

A Fiscalía Superior de Galicia abriu dilixencias pola situación da residencia de maiores de Salvaterra de Miño, intervida pola Xunta, por mor dunha denuncia do Defensor do Paciente, segundo  informaron a EFE fontes do ministerio público.

A semana pasada, o Defensor do Paciente facíase eco das denuncias de traballadoras do centro sobre a falta de limpeza nas instalacións, incumprimentos dos protocolos limpo/sucio, equipos de protección individual "vulnerables" e desatención dos maiores, con chagas e úlceras por presión ao permaneceren horas e horas sentados sen que os cambiasen de posición.

Desde a Xunta garantiron entón que se analizarían "con detemento" as situacións que se trasladaban no escrito remitido polo persoal e, no caso de que se constatase "algún incumprimento da normativa", actuaríase "en consecuencia".

A Consellería de Política Social lembra que, desde que a residencia de Salvaterra foi intervida publicamente hai tres semanas, reforzouse "de forma substancial" o persoal de enfermería, de auxiliares de enfermería e a dotación técnica deste centro.

O sindicato CIG convocou para mañá unha concentración ante este xeriátrico, en que reclamará a apertura dunha investigación para esclarecer o sucedido, pois recalca que desde 2017 vén denunciando ante a Inspección de Traballo e de Maiores da Xunta unhas "condicións de explotación laboral e de atención deficiente" aos maiores.

Das decenas de dilixencias penais incoadas pola Fiscalía en Galicia durante a primeira onda da pandemia do coronavirus só unha derivou na presentación dunha querela nos xulgados de Cangas.

Quedan outras catro dilixencias penais abertas, mentres que o resto foron arquivadas, precisaron fontes da Fiscalía Superior de Galicia.