CRTVG

Buscar

A Fiscalía abre dilixencias para investigar a seguridade da fábrica de Ence en Lourizán

Publicado o 05/03/2021 19:04
A Fiscalía abre dilixencias para investigar a seguridade da fábrica de Ence en Lourizán

A Fiscalía Provincial de Pontevedra abriu de oficio unhas dilixencias de investigación penal tras as declaracións efectuadas polo presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, quen nun vídeo difundido a pasada fin de semana advertía de que a fábrica de Lourizán podería dar "un susto ambiental" pola falta de investimentos.

Atendendo a esa advertencia "sobre un risco ambiental con posible afectación das persoas", a Fiscalía acorda, entre outras dilixencias, remitir oficios á Unidade da Garda Civil do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e a varias delegacións da Xunta "solicitando informes respecto do estado da planta", segundo informou a Fiscalía Superior de Galicia nun comunicado.

As declaracións de Ignacio de Colmenares xa foran denunciadas nun xulgado pola Asociación Pola Defensa da Ría por dous argumentos que consideran poden ser constitutivos de delito. Así, por unha banda nas declaracións facíase referencia ás sete reunións do presidente de Ence co secretario do Ministerio para a Transición Ecolóxica e, por outro, á situación de perigo das instalacións da fábrica de Lourizán, en particular ao estado actual da caldeira de recuperación.

A polémica prodúcese en plena tramitación da Lei de cambio climático e transición enerxética no Congreso. A dirección de Ence reclama a modificación do artigo 18.4 da futura lei descartando unha aplicación retroactiva do límite de 75 anos para as concesións en terreos situados no dominio público marítimo-terrestre, de competencia estatal.

Sobre as declaracións efectuadas por Ignacio de Colmenares, por parte da compañía Ence emitiron un comunicado en que sosteñen que o vídeo é unha "gravación ilegal", "sacada de contexto". Ademais, desmenten que o presidente de Ence puxese en cuestión o futuro da empresa e subliñan que "este extracto, de preto de catro minutos de duración, é parte dunha intervención de máis de tres cuartos de hora" e que "non reflicten o seu sentido nin significado".