CRTVG

Buscar

A finais de ano pode estar lista a primeira vacina española

Publicado o 25/04/2021 13:54

As vacinas en que traballa o CSIC presentan varias vantaxes. Unha non precisa frío, outra prevese máis barata e unha delas dá un paso máis que as actuais: evita que o vacinado se contaxie.

"Polo tanto, evitaría que as persoas vacinadas contaxiasen outras persoas, que fosen asintomáticas transmisoras, que non é o caso con ningunha das vacinas actuais", explica a viróloga do CSIC Margarita del Val.

Esta vacina non estará lista antes de 2022, pero a finais deste ano é probable que si o estea a que vai máis avanzada, baseada na fórmula da da varíola. Van amodo, pero terán mercado, porque todo indica que este coronavirus veu para quedar. "O mellor que pode ocorrer é que quede como un virus catarral que só teña incidencia alta no inverno e que afecte a poboacións de risco. A estas proboacións é a quen será necesario vacinar", puntualiza a viróloga.

Margarita del Val reitera que as vacinas que se están poñendo son máis seguras que calquera outro medicamento e avoga por levantar os vetos á de AstraZeneca e poñela en todas as idades. "Ningún medicamento e ningunha vacina teñen efectos adversos tan infrecuentes, polo tanto son as vacinas máis seguras".

A quen lle pregunta que vacina recomendaría, respóndelle sen dubidar. "Se te citan para unha vacina, a que sexa, vacínate. É o que fixen eu, é o que recomendo: vacínate", asevera a viróloga.

 

Noticias web

25/04/2021