CRTVG

Buscar

A fin do toque de queda fai rexurdir a vida nocturna

Publicado o 09/05/2021 20:40

A fin do toque de queda e a apertura da hostalería ata a unha da mañá fixo rexurdir a vida nocturna, algo que moitos estaban desexando.

"É moi agradable ver outra vez xente na rúa, e moitos deles respectando as medidas. Moi ben. A xente é responsable. Nótase que tiñan gañas de divertirse con responsabilidade", di este mozo.

A noite transcorreu con máis actividade do habitual e imaxes coma estas repetíanse por toda Galicia. Moitos volvían quedar cos amigos, gozaban dunha cea e aproveitaban o novo estirón do horario ata a madrugada.

"Nós en concreto fomos cear, tomamos algo ata a unha, que pechan, e agora para a casa".
"Agora imos á resi e a ver se podemos continuar a festa na resi".

O risco dunha posible repunta da pandemia non desapareceu e aínda que houbo mostras de comportamentos incívicos, a maioría apuntaba cara á responsabilidade.

"Se cada un ten claro o que ten que facer non ten por que ir nada mal. Medo non, en realidade ganas de volver ao que era a vida antes da covid".

A noite rematou, en xeral, sen incidentes graves. Rexistráronse algunhas aglomeracións, coma estas de Pontevedra, en que grupos de mozos bailaban xuntos e non respectaban as medidas de seguridade.