CRTVG

Buscar

A filla do alcalde de Verín renuncia a presentarse como aspirante a un posto temporal no concello

Publicado o 15/06/2021 16:27

A filla do alcalde de Verín renuncia a presentarse como aspirante ao proceso selectivo aberto no Concello para acadar un posto temporal como traballadora social. Asegura nun comunicado que abandona para non prexudicar politicamente a seu pai, o socialista Gerardo Seoane.

Lembremos que unha comisión formada por sindicatos e grupo de Goberno estaba a investigar o feito de que ela sacase a mellor nota nese proceso selectivo. Foi a única que aprobou de todos os aspirantes, acertando 38 das 40 preguntas. Unha proba que se desenvolveu sen temario, tal e como ratificaron os cinco membros do tribunal na comisión de control.

Para o PP, esta renuncia é unha covardía política do alcalde socialista de Verín. Os populares galegos esixen a súa dimision inmediata. Aseguran que non se preservou o principio de igualdade de oportunidades e aprecian un posible delito de prevaricación. Ademais piden o posicionamento do BNG, os seus socios no goberno.

"Estamos ante un caso tan descarado, tan grotesco que os propios socios de Goberno do PSOE deberían posicionarse, porque o BNG é moi rápido para criticar outros partidos, outros gobernos noutros lugares pero neste caso está calado e ao final en política quen cala outorga", asegurou Tellado.

Noticias web

15/06/2021