CRTVG

Buscar

A fichaxe de Carmona por Iberdrola esperta críticas no PSOE e en Podemos

Publicado o 04/10/2021 15:22

En plena escalada de prezos, a ministra para a Transición Ecolóxica reuniuse este luns coas grandes empresas españolas que máis enerxía consomen e o martes farao con varias organizacións de consumidores. Sobre a mesa, a posible reforma da tarifa regulada para atenuar a actual escalada nos prezos da luz. Facua xa adiantou a súa proposta: que se impoña un desconto do 50%, durante seis meses, nos recibos das familias, excluíndo as de rendas altas.

O debate ábrese nun momento de alta tensión entre o Goberno e as grandes compañías eléctricas. E neste contexto, outra noticia aviva a polémica: a fichaxe do exvoceiro do PSOE no concello de Madrid Antonio Miguel Carmona como vicepresidente de Iberdrola. A noticia causou malestar en Ferraz, onde din que é só un militante de base. "Nunca representou a actual dirección", dixo a súa voceira no Senado. Ante a prensa, Eva Granados dixo que "non nos gustou esa decisión, non sabiamos nada, de feito, se nos consultase, diriámoslle que non".

Críticas tamén dende Podemos. Para Isa Serra "é un escándalo, unha vergoña, é rirse da cidadanía", e pide medidas para prohibir as chamadas portas xiratorias.

Noticias web

04/10/2021