A FEMP aproba a proposta do Goberno para o superávit só cos votos a favor do PSOE
Poucas veces houbo unha votación tan disputada na Xunta de Goberno da FEMP. A abstención de Esquerda Unida - Podemos foi determinante no resultado. Houbo 12 votos a favor, 12 votos en contra, e unha abstención, polo que se resolvou co voto de calidade do seu presidente. Abel Cabellero cualificou o acordo de "singular e importante".
Deste xeito, cos únicos votos a favor do PSOE, quedou aprobada a proposta do Ministerio de Facenda sobre o superávit dos concellos. As corporacións transferiranlle os seus remanentes ao Goberno central, que se compromete a devolverllos en dez anos a partir de 2022. Para compensalos, o executivo vai repartirlles 5.000 millóns de euros entre este ano e o próximo. Pero a ese fondo só poderán acceder os concellos que achegaran, non os que teñen déficit. Para eses municipios, os máis vulnerables, o acordo estipula que poden pedir axudas ou créditos ás deputacións provinciais.
Este foi un dos principais puntos de desencontro no seo da FEMP, e que provocou o voto en contra de Ciudadanos, PDeCAT e PP. Para o seu voceiro, Pablo Montesinos ,"o PSOE dinamitou o consenso municipalista na reunión da FEMP, nun ataque histórico aos concellos". O PP tamén pide a comparecencia da ministra de Facenda no Congreso.