CRTVG

Buscar

A cervexa artesá, no calendario gastronómico lugués durante toda a fin de semana

Publicado o 02/09/2021 21:14

A cervexa artesá aséntase no calendario gastronómico lugués. Un produto diferente e do máis variado e que cada vez conta con máis adeptos. Se antes os produtores tiñan que explicar como era a súa bebida, agora o público é máis coñecedor e sabe diferenciar e valorar cada cervexa. As variedades son abondosas e ao gusto de todo tipo de padais.

"Os novos xa coñecen este mundo. Incluso marcas. Pero a outra xente hai que orientala." afirma un artesán cervexeiro. "Hai que explicar cousas e desmontar mitos para que valoren esta cervexa. Pero gústanos facelo."

A gastronomía é parte importante da festa. Son platos ricos en graxas que acompañan ben a cervexa e, como se di, axudan a ter conta dela. Nesta edición hai cervexeiros galegos pero tamén doutras partes de España. Entre o público, turistas, expertos na beberaxe, veciños ou mesmo quen pasaba por alí.

"Eu estou afeito á convencional e está ben cambiar de cando en vez.", "Eu non bebo cervexa habitualmente pero prefiro a artesá" afirman dous asistentes.

Pero non todo é beber e comer. Tamén hai xogos para os máis cativos. Así que, se lles gusta a cervexa artesá, teñen cita estes días na Horta do Seminario en Lugo.

Noticias web

02/09/2021