CRTVG

Buscar

A feira Chalana de Artesanía presenta en Pontevedra obras únicas de 14 creadores

Publicado o 21/07/2021 14:18

A Feira Chalana de Artesanía reúne en Pontevedra artesás e artesáns de varias comunidades autónomas que ofrecen directamente pezas únicas. Abren cada día ás once da mañá e a afluencia ao longo da xornada ven determinada polo ambiente atmosférico. Vai unha semana de feira e, aínda que a pandemia segue a condicionalo todo, non hai moita queixa sobre as vendas.

Dámaso del Valle pinta camisetas á man e di que o ano pasado lle foi moi ben nesta feira e que este ano, aínda mellor. Jesús Vaquero ten o Taller de bambú e estréase nesta edición en Pontevedra. Afirma que as vendas van dando para vivir.

Gabriela Gutiérrez, artesa do macramé sinala que as vendas van mellorando cando non fai moito sol.  Chueca, artesán do coiro, sinala que a primeira semana houbo días de tanta calor que non había quen se achegara pola praza da Ferraría.

Irene, artesá de xoiería de Xacarandá, vai pola súa sétima edición de Chalana e sabe ben que cando o día está atoldado, a afluencia de compradores é maior que cando o sol arrastra á xente ás praias.

Ángel Barroso, artesán da madeira, prefire agardar ao final da feira para facer balance, pero amósase optimista ante as vendas nas dúas semanas que quedan.

Parte do éxito da feira está en que participan só os creadores co seu produto, sen intermediarios de vendas.

 

Noticias web

21/07/2021