A Federación de Turismo Rural prevé unha alta ocupación en setembro
O turismo rural continúa en auxe. A clientela do interior prefire a costa e a que vive próxima ao mar opta polas paisaxes de montaña. A oferta é variada, pero garante dous requirimentos moi demandados na actualidade: estar en contacto coa natureza e fuxir das aglomeracións.
Segundo Ana María Villamayor Torres, vogal da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur), a xente pensa que as vacacións no turismo rural son máis seguras porque non está masificado.
Os establecementos integrados nesta organización, preto de 200, pecharon agosto cunha ocupación media do 85 %, unha porcentaxe superior á rexistrada no 2019. As previsións para o mes de setembro van na mesma liña.
Nas semanas fortes do verán acolleron, sobre todo, hóspedes procedentes doutras comunidades. Para os vindeiros días agardan, máis que nada, turismo galego.