CRTVG

Buscar

A Federación Alzhéimer Galicia urxe maiores esforzos na prevención da demencia

Publicado o 11/09/2021 21:18

Dende a Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) advirten da urxencia de incrementar os esforzos en campañas de prevención e detección precoz da demencia... A pandemia e a crise sanitaria din que veu empeorar unha realidade xa preocupante.
Doce de cada cen persoas maiores de 65 anos están afectadas dalgún tipo desta doenza que dana a capacidade cognitiva. Pero estímase que o número de enfermos irá en aumento.

"A OMS acaba de dicir que nestes dez anos vai haber un aumento do corenta por cento de persoas con demencia, polo tanto temos que adiantarnos a todo isto e temos capacidade para facelo coa axuda das administracións, de todas elas", afirma  a presidenta de FAGAL.
Por iso, co obxectivo de irlle gañando terreo á enfermidade, este sábado expertos en psicoloxía e neuroloxía participaron no primeiro encontro de debate en Santiago. O alcalde da cidade e a conselleira de Política Social mostraron o seu apoio acudindo ao acto.

Fabiola Garcia di que "temos que seguir impulsando cada vez máis programas e non só nas cidades, tamén no rural e temos que continuar dándolles un apoio permanente a todas as persoas que teñen na casa, avós, pais con alzhéimer e outras demencias". Xosé Sánchez Bugallo apunta que "todos debemos asumir que non é unha batalla dun día senón unha guerra que vai levar moito tempo ata que a ciencia non avance o suficiente ata encontrar unha solución".

O encontro encádrase na conmemoración do día Mundial do Alzhéimer, que se celebra o 21 de setembro.

Noticias web

11/09/2021