CRTVG

Buscar

A familia real británica, "triste" polos duques de Sussex e "preocupada" polo racismo

Publicado o 09/03/2021 19:37
A familia real británica, "triste" polos duques de Sussex e "preocupada" polo racismo

A casa real británica mostrouse este martes "entristecida" tras coñecer o sufrimento dos duques de Sussex, Enrique e Meghan, e recoñeceu que os problemas que estes expuxeron na súa entrevista na televisión estadounidense son "preocupantes, especialmente o do racismo". "Os asuntos expostos, especialmente o da raza, son preocupantes.

Aínda que algúns recordos poden variar, (estes problemas) son tomados moi en serio e serán tratados pola familia en privado", sinala un comunicado difundido polo Palacio de Buckingham.

Na nota, a raíña Isabel II asegura que toda a familia está  entristecida ao coñecer en toda a súa dimensión o duros que foron os últimos anos para Enrique e Meghan".

Na concisa mensaxe real, que se esperaba con impaciencia tras as revelacións da explosiva entrevista con Oprah Winfrey emitida pola televisión estadounidense na noite do domingo, asegúrase que Henrique, Meghan e o seu fillo Archie "sempre serán membros da familia moi queridos".

Segundo os medios británicos, esta será a única reacción oficial procedente do Palacio de Buckingham ás palabras dos duques de Sussex. O Goberno británico permaneceu en silencio, aínda que a oposición laborista pediu unha investigación sobre as "graves" denuncias de racismo no seo da Casa dos Windsor.

Meghan relatou a Winfrey como un membro da familia real inquiriu sobre cal sería a cor de Archie cando a duquesa estaba embarazada e Enrique confirmou que o racismo que sufriron foi "en gran parte" a razón pola que ambos decidiron abandonar o Reino Unido.

Noticias web

09/03/2021