A familia insiste en que o asasino de Déborah está na contorna próxima
Novas testemuñas declararán este xoves polo caso da desparición e morte de Déborah Fernández en 2002. Xa houbo declaracións en decembro de sete testemuñas, entre os que se atopan os pais do seu ex-noivo. A familia insiste en que o asasino está na contorna próxima que é onde se centran as pescudas.
Seis persoas están citadas para este xoves a petición da Fiscalía e dos avogados da familia da vítima. Con estas novas comparecencias, serán en total 16 os interrogatorios practicados no xulgado desde a reapertura do caso, a finais do pasado ano. Na súa maioría, estas persoas xa compareceran na policía. O pasado mes de decembro acudiron a declarar un total de sete persoas, entre os que se atopaban os pais do ex noivo de Deborah que aínda que foi sospeitoso, nunca resultou investigado.
Rosa Fernández Cervera, irmá de Déborah: "Pois só pensar que o asasino da miña irmá pode estar cerca da nosa contorna é algo que me aterroriza, máis que nada porque teño sobriños, teño primos, teño moita xente moi nova que non me gustaría que un personaxe coma este puidese estar preto deles".
Déborah Fernández Cervera desapareceu en 2002, aos 21 anos, despois de saír a correr pola contorna de Samil. Unha semana despois, atopouse o seu corpo espido e semioculto nunha gabia do Rosal, a uns 40 quilómetros da casa. Os investigadores consideran que o escenario onde apareceu o corpo foi simulado.