O Supremo levanta o último obstáculo para a exhumación de Franco, que xa pode ser executada polo Goberno
Poñer data e hora para a saída dos restos de Franco do Val dos Caídos xa está só en mans do Goberno, que podería tomar a decisión este venres. O Supremo respondeulles aos servizos xurídicos do executivo que pode acceder á basílica cando o estime. Tamén que o prior non é quen para impedilo porque está obrigado a cumprir a lei como calquera español. Aclara ademais que ningún xuíz de instancia inferior ten competencia para decidir sobre o asunto.
"Que ninguén teña dúbidas sobre a saída final dos restos do ditador do Val dos Caídos. Estamos só a días de rematar todo este proceso que nos deu moito traballo, pero un traballo que consideramos moi digno pola nosa democracia", dixo a vicepresidenta do Goberno en funcións.
O Goberno comunicaralle á familia de Franco o día e a hora por se quere asistir á exhumación e traslado dos restos ao cemiterio do Pardo. Será antes da campaña electoral e non se autorizará a presenza de medios de comunicación.
"Vai ser o dispositivo máis seguro para que a exhumación e o traslado dos restos do ditador se fagan como debe ser, sen ningún tipo de espectáculo e con toda a seguridade", aseguraba o ministro Marlaska
A familia do ditador solicita como medida cautelarísima que se paralice a exhumación mentres se resolve o seu recurso de amparo ante o Constitucional. O Tribunal de Garantías resolverá a próxima semana, pero é unha medida de urxencia que se aplica en casos moi extremos.