CRTVG

Buscar

A familia de Manuela Barbosa quere que a xustiza autorice a rastrexar o seu móbil

Publicado o 20/07/2021 13:04

A familia de Manuela Barbosa, a muller desaparecida en Arcade hai unha semana, vaise concentrar mañá ás doce do mediodía diante do posto da Garda Civil de Arcade en sinal de protesta.

Din sentirse desamparados pola xustiza, xa que a lei non permite localizar o teléfono da desaparecida se non hai indicios de delito. E pistas non teñen. Raquel e Ana piden axuda para atopar a súa nai. Aseguran que agora mesmo non hai pegadas que indiquen onde puido ir. Só os veciños están con elas incondicionalmente. Ía sen documentación e a única esperanza que teñen é localizar o seu teléfono.

"Que se unha persoa desaparece cun teléfono móbil non pensemos que se vai atopar. Porque a xustiza só di que se pode rastrexar se é unha persoa incapacitada xudicialmente ou se hai pistas delitivas", di Ana, filla da desaparecida.

A súas fillas descartan por completo unha desaparición voluntaria. Era unha muller que gozaba da familia. Aseguran que malia ter 66 anos tiña moitos problemas de mobilidade. Sospeitan que puido sufrir algún problema de saúde repentino ou ser vítima dun roubo, xa que adoitaba a levar xoias vistosas.

"Estamos igual que ao comezo, non hai pista ningunha, desesperadas. Xa pensamos que non imos atopar a nosa nai nunca. Incluso temos pisas contraditorias. A Garda Civil dinos unha cousa, a Unidade de Desaparecidos outras, Protección Civil, o guía dos cans. Uns días dinnos unha cousa e ao día seguinte outras", asegura Raquel, outra das fillas.

A muller foi vista por última vez pola zona do Restaurante Avenida de Arcade. É delgada, de pelo claro, ollos negros, e levaba un vestido amarelo con flores e un bolsiño de palla o día en que desapareceu.

Noticias web

20/07/2021