CRTVG

Buscar

A familia de Emilio Pintor convoca unha concentración para seguir coa busca

Publicado o 14/03/2019 14:09

Tras 22 días desde a súa desaparición, a familia de Emilio Pintor pide apoio para impulsar a busca nunha concentración convocada para esta tarde, na Coruña. A única pista é o sinal do móbil, que se perde no encoro dos Peares, pero as prospeccións con drons, sonar e mergulladores non deron resultado.

O desánimo imponse na familia de Emilio Pintor, a súa muller e os seus fillos, de sete e nove anos.

"Eu teño dous nenos pequenos, que me están preguntando todos os días por el. Por que non está papá? Imaxinade o meu sufrimento", di Ana Blanco, a muller de Emilio.

Estaba falando con el polo móbil cando escoitou uns ruídos e perdeu o sinal. Suponse que caeu á auga co coche no encoro dos Peares, no radio duns catro quilómetros que trazan as dúas antenas de telefonía móbil que hai na zona. Buscárono con drons, mergulladores e cun robot subacuático que penetrou na zona onde o sonar detectou un gran vulto que resultou ser unha rocha, a unha profundidade de máis de cincuenta metros.

"Queremos pedir que non se pare a busca. Cónstame que nunca se parou, pero non temos resultados".

A familia convocou unha concentración para esta tarde na Coruña co fin de animar a busca: "Pedir a máxima colaboración posible. Que me apoien a min e aos meus fillos, que o estamos pasando francamente mal".

Será a partir das sete, na praza Luís Seoane, en Elviña.

Noticias web

14/03/2019