A familia da muller desaparecida en Arcade loita para que non se esqueza a Manuela Barbosa
A familia de Manuela Barbosa pide que o caso non se esqueza despois de dous meses desaparecida. O pasado 13 de xullo desaparecía en Arcade Manuela Barbosa, de 66 anos e con problemas de saúde. A familia volve facer un chamamento a quen puidese recoñecela ou dar algunha pista, xa que o maior problema que teñen e a falla de evidencias.
Os traballos de busca seguen sen arroxar pistas sobre o posible paradeiro de Manuela. As pescudas da Policía apuntan a que a zona de desaparición é a contorna de Arcade, onde a sitúa o ultimo sinal do seu móbil, tres días despois de desaparecer. O último sitio onde revisou a Policía foi o cemiterio de Ponte Sampaio, lugar onde os cans deron co rastro da desaparecida.
Raquel Álvarez Barbosa, filla da desaparecida. "As últimas pescudas centráronse aquí non cemiterio de Ponte Sampaio que foi o último que rastrexaron. Como os cans atoparon pegadas da miña nai aquí, pensaron que podería haber algo fora de lugar e falaron co sepultureiro e revisaron por se había algo fóra do común, e non. Seguimos igual, sen pistas".
Un taxi deixouna nunha rúa de Arcade, diante do restaurante Avenida. Eran as tres da tarde cando a viron por última vez. Nesa mesma noite en que iniciaron a busca a unidade canina detectou un rastro da desaparecida no porto. Buscaron en Ponte Sampaio por caera ao río. A familia segue pedindo a colaboración das persoas que puideran vela e che chamen ao 091, ao 062 ou ao 112.
Raquel Álvarez Barbosa, filla da desaparecida: "Agora xa non se pode buscar unha muller que está coma na foto, pasaron dous meses, terá o pelo cano, ao mellor está mais delgada, non levará o vestido marelo, así que hai que darse de conta de que o aspecto tivo que cambiar en dous meses".
Pegaron carteis coa foto de Manuela en case toda a provincia de Pontevedra, revisaron albergues e centro de acollemento a persoas sen fogar, mesmo foron aos albergues de peregrinos por se alguén a puidese ter visto. Non quere deixar unha pedra sen levantar na súa procura.