CRTVG

Buscar

A fachada do Obradoiro da catedral de Santiago, sen andamios dez anos despois

Publicado o 12/05/2021 22:09

EFE

Desde hoxe é posible ver a nova imaxe, rehabilitada, da fachada do Obradoiro da catedral de Santiago. A que é a parte exterior máis fotografada da basílica estivo oculta, durante oito anos, tras os andamios das obras de rehabilitación do templo. Nestas primeiras horas descuberta, xa hai quen ve algúns aspectos e matices novos da catedral, que antes estaban deteriorados.

Hai novas cores, novas texturas que se aprecian a simple vista. Cando se iniciaron as obras de recuperación do interior e exterior da catedral foran detectadas máis de cincocentas patoloxías que deterioraban o templo. A humidade, goteiras e importantes danos estruturais levaron químicos, biólogos, canteiros, arquitectos ou historiadores a executar un traballo case de cirurxiáns que levou algo máis de dous mil cincocentos días. Case dez anos estivo cuberta polos andamios a fachada do Obradoiro, que hoxe se deixa redescubrir despois da que foi a primeira rehabilitación integral do templo nos seus máis de oito séculos de historia. Comezan a chegar peregrinos á que é a catedral máis visitada de España e, desde xa, as fotos da fin do Camiño en Compostela teñen unha apariencia renovada. A rehabilitación histórica mellora o estado en que estaba a catedral e, tamén, está pensada para protexer o templo a futuro.

Noticias web

12/05/2021