CRTVG

Buscar

A fábrica de Stellantis en Vigo detén toda a produción durante dous días

Publicado o 11/05/2021 17:35
A fábrica de Stellantis en Vigo detén toda a produción durante dous días

As paradas de produción por falta de aprovisionamento non cesan na planta automobilística do grupo Stellantis en Vigo. A dirección anuncioulles este martes aos sindicatos unha posible parada total de 48 horas.

A actividade vaise deter ás 22.00 h desta noite nos dous sistemas e, previsiblemente, non se renovará na xornada deste mércores.

Aínda que a empresa agarda poder renovar a actividade na primeira quenda de traballo do xoves, os sindicatos dan por feito que non sucederá ata a quenda da noite, o que suporá unha parada de dous días.

Esta pausa vén sumarse a unha longa listaxe dende comezos de ano, o que obrigou a empresa a pactar un procedemento de suspensión temporal de contratos co comité. A proposta contou coa oposición da CIG e da CUT.

Como sucede dende entón, a empresa recorre aos mecanismos de flexibilidade habituais (días de adecuación e bolsa de horas) sempre que sexa posible e, unha vez esgotados estes recursos, aplicarase o ERTE.

Noticias web

11/05/2021