CRTVG

Buscar

A extracción do gasóleo do Divina del Mar está previsto que comece este mércores

Publicado o 04/12/2019 14:17

Tres semanas despois de que encallara nas proximidades do castro de Baroña, o Divina del Mar está practicamente incrustado nas rochas e cada día que pasa máis danado polos embates do mar.

Un equipo da empresa especializada Ardentia Marine está a traballar cando a marea o permite co obxectivo inmediato de retirar o gasóleo que levaba o cerqueiro de Portosín na súa volta a porto. As sondaxes feitas apuntan a que hai pouco e esta tarde saberán se iso se confirma.

Francisco Nolasco Xefe de equipo de Ardentia Marine explica: "Polas sondaxes que fixemos o combustible que hai é residual e un pouco de aceite hidráulico. Pero só cando empecemos a facer a extracción, que penso que comezará esta tarde coa marea baixa, será cando saibamos con certeza a cantidade que hai dentro".

O gasóleo e aceites bombeáranos a uns depósitos que logo transportarán en tractor ata un lugar accesible para o camión que os trasladará a un centro de tratamento de residuos. A operación de descontaminación inclúe a retirada de baterías, material eléctrico, rede de cable e outros materiais. Xa noutra fase realizarán o despezamento da embarcación e retirar os anacos por terra.

"Con maquinaria pesada cortaremos o barco en anacos pequenos para retiralos por terra" di Nolasco, "porque consideramos que é a maneira máis segura de facelo, iso é o que temos previsto".

O especialista lembra que hai condicionantes que determinarán a rapidez en completar os traballos para deixar as rochas en que encallou o Divina del Mar como estaban antes do accidente. Entre eles destaca os vencellados coa natureza: "A dureza do mar é o máis importante, as condicións meteorolóxicas e atmosféricas. Despois tamén os accesos condicionan". 

Ao mesmo tempo reitera que poñerlle data para a retirada total dos restos do pesqueiro é moi dificil porque, para empezar, teñen que aproveitar as horas de marea baixa para poder traballar no barco.

Noticias web

04/12/2019