A explosión dun cable subterráneo levanta polos aires varias tapas metálicas e deixa sen luz un barrio de Lugo

Un cable subterráneo da rede eléctrica estoupou e deixou sen luz a contorna da Fonte dos Ranchos, en Lugo. A explosión, que tivo réplica, foi tan virulenta que fixo saltar polos aires dúas tapas metálicas. Por sorte, non houbo que lamentar danos persoais.
"Levantáronse diante de min. Eu estaba aí e cando ía virar á esquerda sentín o ruído, levantáronse as tapas e saíu moito fume". "Estabamos no salón, oímos un estoupido, asomámonos á ventá e vin que dun sumidoiro saía fume. Mirando un pouco máis, vin dúas tapas levantadas, e aos cinco ou dez minutos volvéronse oír outros dous estoupidos", relatan as testemuñas.
Foron os propios veciños os que alertaron o 112, que mobilizou os servizos de emerxencias. Ata o lugar acudiron os bombeiros e varias patrullas das policías Nacional e Local, que se encargaron de cortar o tráfico na rúa afectada.
"Eu estaba aquí a primeira hora da mañá e sobre as oito e media houbo un apagamento da luz. Non soubemos por que ata vimos o despregamento policial e os bombeiros". "Deberon de chamar ao 112 e chegaron os bombeoiros e a policía. Nunha hora arranxaron todo". "Chamamos ao 112 e mandaron os bombeiros e a policía, que cortaron a rúa. E xa se solucionou", engaden os veciños.
Os labores de reparación da avaría por parte da compañía eléctrica Begasa prolongáronse durante varias horas, ata que a rede quedou totalmente arranxada.