A experiencia dun mozo de 29 anos recuperado da covid
Aos seus 29 anos, Josué non contaba con que a covid o mandase ao hospital. O primeiro sinal de alerta foi unha dor de cabeza, igual que un compañeiro de traballo que dera positivo uns días atrás, e co que compartiu unha comida.
"El empezou con dor de cabeza e da gorxa e eu, cando empecei tamén con dor de cabeza, xa me autoconfinei, para previr", explica Josué.
Empezou a sentirse fatigado, sen forzas nin para comer, e os médicos de urxencias decidiron ingresalo. Precisou osíxeno e catro días de hospitalización para recuperarse da pneumonía derivada da covid que lle diagnosticaron.
Paula Sampedro, médica na planta de covid-19, advirte de que "a xente nova tamén se pon mala, incluso moi grave. Hai xente en críticos de 30 e 40 anos".
Tras os primeiros síntomas, Josué decidiu confinarse, por iniciativa propia, mentres agardaba o resultado da PCR. É a opción que aconsellan os sanitarios, pero non a máis estendida.
"Cando un ten un coñecido, un contacto, algún síntoma compatible... por favor, que quede na casa para axudarnos a combater a pandemia", prega Sampedro.
Aínda non está recuperado. Quédanlle dez días de baixa na casa, para restablecer as forzas perdidas.