CRTVG

Buscar

A experiencia da repunta de Santiago adiou a apertura da Coruña, a pesar da súa boa evolución

Publicado o 16/12/2020 20:33

• Consulta no DOG as medidas que entran vigor este xoves

• Sanidade prima salvar as festas e revisará o peche das dúas cidades nunha semana

Santiago volve á casa de saída tras duplicar os casos de covid nunha semana. Queda pechada perimetralmente en solitario e con restricións de nivel medio. A ocupación da hostalería queda no 40 % no interior e no 50 % en terraza. E non se poden reunir máis de seis persoas.

"Hoxe Santiago, en número de casos activos, hai que dicir que está por debaixo da media de España e por debaixo da media de Galicia, pero a tendencia é mala", aseguraba o alcalde Sánchez Bugallo.

Sanidade di que é unha medida preventiva para tratar de salvar as festas e o comercio da cidade. O mesmo criterio e a experiencia do ocorrido en Compostela atrasou a apertura doutras cidades.

"Na cidade da Coruña, cunha tendencia moi favorable e próxima xa a apertura de restricións e de mobilidade decidiuse manter e pospoñer esa posible apertura ata a reunión do comité técnico do día 21", segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Noutros dez concellos aumentan as restricións. Ribeira, Bueu e Baiona entran no nivel máximo e quedan pechados en solitario. Pasan ao nivel medio-alto, que tamén implica limitacións de mobilidade os concellos de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota e Fisterra na provincia da Coruña e Rodeiro e a A Illa de Arousa na de Pontevedra.

Na outra cara da moeda, concellos como o de Carballo, que despois dun mes pechado volve ter liberdade de movementos. Baixa ao nivel básico de restricións canda Coristanco, Laxe, Ponteceso, Cee e o concello pontevedrés de Barro.

Noticias web

16/12/2020