CRTVG

Buscar

A exhumación podería achegar novas pistas 19 anos despois da morte de Déborah

Publicado o 06/05/2021 14:11

Déborah Fernández saíu correr pola zona de Samil o 30 de abril de 2002. Nunca máis regresou. Dez días despois da súa desaparición, o 10 de maio, atoparon o seu corpo nunha gabia dunha estrada do Rosal, a máis de 40 quilómetros de onde foi vista por última vez.

Daquela, a autopsia determinou que a causa da morte fora a asfixia, pero non concretou se esta puido ser provocada ou non, porque non se apreciaron lesións nin indicios de esganamento. Tampouco se descartou que se tratase dunha morte súbita.

A familia de Déborah comezou daquela unha intensa loita na busca de respostas. Respostas á pregunta de por que o seu corpo foi atopado a tanta distancia do lugar onde desapareceu, ou á incógnita do escenario en que estaba o cadáver, unha especie de decorado con numerosas pistas falsas colocadas como nunha montaxe.

Non houbo nunca imputados. Si foi investigado un exmozo da vítima e tamén houbo declaracións de distintas testemuñas, algunhas delas despois de que a familia promovera unha campaña para a reactivación do caso que conseguiu centos de miles de apoios.

Hai unhas semanas a xuíza autorizou a análise do disco duro do ordenador de Déborah por parte dunha empresa especializada. Agora, ordena a exhumación do cadáver a petición da familia, que achegou novos informes forenses que apuntan á posibilidade de atopar mostras biolóxicas non detectadas inicialmente. Podería ser a última oportunidade de esclarecer o caso, porque un posible delito de asasinato prescribirá dentro dun ano.

Déborah, que tiña 21 cando morreu, tería hoxe 40 anos, e a súa familia segue loitando para que se faga xustiza.