A exconselleira Serret, fuxida en Bélxica, preséntase no Supremo para colaborar

A exconselleira de Agricultura da Generalitat Meritxell Serret compareceu este xoves de xeito voluntario ante o maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena, que instrúe a causa do procés. Estaba fuxida en Bélxica dende outubro de 2017.
Fontes xurídicas aseguran que a exconselleira do goberno de Puigdemont compareceu coa finalidade de poñerse a disposición do tribunal e regularizar a súa situación procesal de rebeldía. Quedou en liberdade, citada para un próximo interrogatorio. A súa intención é recoller a acta como deputada en Cataluña.
Martitxell Serret está procesada polos delitos de malversación de caudais públicos e desobediencia. Porén, ata o de agora non se lle atribuíra ao seu departamento a realización de pagos concretos para a organización do referendo do 1-O. Por esta razón, tras a sentenza do 14 de outubro de 2019, non se cursara contra ela ningunha orde europea de detención. Os procesados na mesma situación quedaron absoltos do delito de malversación.
Existe, con todo, unha orde nacional de detención para que preste declaración e continúe o procedemento contra ela. A pena prevista para o delito de desobediencia é de multa e inhabilitación para emprego ou cargo público de ata dous anos.