CRTVG

Buscar

A ex-presidenta da Arxentina senta no banco dos acusados por corrupción

Publicado o 21/05/2019 20:59

Entre fortes medidas de seguridade e tamén con moitìsima expectación chegou ata os tribunais de Bos Aires a ex-presidenta e actual senadora arxentina Cristina Fernández de Kirchner para sentar por primeira vez no banco dos acusados por corrupción. Está sinalada como xefa dunha asociación ilícita e fraude na concesión de obra pública durante o seu mandato.

Despois de varios aprazamentos, Fernández de Kirchner sentaba ante a Xustiza acusada de liderar unha asociación ilícita para facerse de millonarios fundos públicos. Segundo as investigacións, fixérono a través da adxudicacións de 52 obras ao empresario Lázaro Báez na provincia patagónica de Santa Cruz, feudo do kirchnerismo.

Por diante queda un ano de audiencias con máis de 160 testemuñas para xulgar a Fernández e os outros 15 imputados, entre eles moitos ex-funcionarios kirchneristas. Nun chío, a ex-mandataria volveu dicir que este é un acto de persecución e unha cortina de fume para distraer os arxentinos da realidade que vive o país nun ano electoral.

Fernández está procesada noutras 11 causas e ten por diante catro xuízos máis, pero este, ademais de ser o primeiro por corrupción, chega só 3 días despois de que sorprendera presentando a súa candidatura á vicepresidencia do país.


 

Noticias web

21/05/2019